Friday 03 de May de 2024

O polígono de Sergude xa conta con novas beirarrúas interiores


A actuación, cun investimento de máis de 86.000 euros, foi cofinanciada no 80% pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e no 20% polo Concello

O Concello de Boqueixón vén de finalizar as obras de renovación das beirarrúas interiores no polígono de Sergude. Esta actuación supuxo un investimento dun total de 86.699,27 euros, que foron cofinanciados nun 80% pola Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e nun 20% pola Administración local.
“As novas beirarrúas no parque empresarial de Sergude aportan unha mellora competitiva na oferta de solo empresarial, como un elemento dinamizador da economía e do emprego no Concello de Boqueixón”, explica o rexedor, Manuel Fernández Munín. O alcalde tamén salientou que este proxecto se completou coa instalación de 3 illas para recollida selectiva, coas súas correspondentes estruturas de peche, “o que mellora tamén os servizos no parque empresarial”.
As obras consistiron na construción de 3.105,72 m 2 de beirarrúas en pavimento de formigón con mallazo sobre unha capa de 5 centímetros de zahorra para a súa regularización. Habilitáronse os correspondentes vados peonís executados con pavimento diferenciado de baldosa hidráulica. Todo delimitado mediante 1.051 metros de bordo prefabricado de formigón con rígola.